Boletín Informativo da Sociedade Filatélica e Numismática GuardesaCoordinador: Luciano Lomba Vicente
Número 25 maio-agosto 2008
Seguindo a idea de homenaxear aos fundadores da Sociedade Pro-Monte, iniciada no ano 2006 co primeiro mataselos, este ano 2008, na Exfimiño 08 que terá lugar en outubro, será dedicado ó Dr. D. Pacífico Rodríguez Rodríguez, que foi secretario de dita Sociedade dende 1912 ata 1933.
Estas son as exposicións nas que a nosa Sociedade estará representada coas coleccións dos nosos socios:
Exfimiño: do 18 ao 21 de outubro 2008 en A Guarda.
Do 14 ao 19 de outubro 2008 en Viana do Castelo (Portugal).
Exfigalicia: do 8 ao 16 de novembro de 2008 en Cangas do Morrazo.
-------
Pacífico Rodríguez Rodríguez (1853-1934) foi un dos fundadores e primeiro secretario da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, cargo que ocupou ininterrompidamente desde 1912 ata 1933. Durante todos eses anos non faltou a unha soa das reunións da Xunta Directiva, salvando todas as crises internas da asociación. Esa circunstancia, unida ao seu papel esencial na administración da asociación, a formación do museo arqueolóxico e a repoboación do monte, converten a Pacífico Rodríguez na espiña dorsal da Sociedad Pro-Monte nos seus primeiros vinte anos de existencia. Aínda cando non existe moita información sobre a súa vida, sabemos que de novo entrou no seminario de onde saíu para estudiar a carreira de medicina que lle sufragou dende Cuba o seu irmán maior Laureano. Segundo as testemuñas da época, exerceu a súa profesión coma un sacerdocio, sen facer distinción entre clases sociais, o que lle valeu o popular apelativo de «médico dos pobres». Por outro lado estivo sempre moi activo na vida social e cultural da Guarda. As
í, por exemplo, participou no nacente asociacionismo guardés cando en 1893 foi presidente do Recreo Artístico Guardés. Pero o seu gran aporte á vida pública guardesa realizarao, como diciamos ao principio, a través da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla.
Durante os anos que exerceu como secretario de Pro-Monte, foi o responsable da tramitación das subvenciones, xunto co presidente Manuel Lomba. Ambos, sen dúbida, as dúas columnas nas que descansou a xestión desta benemérita Sociedade na súa primeira época.
Pacífico Rodríguez xogou tamén un papel moi importante na repoboación do monte Santa Trega, realizada entre 1912 e 1919. Así, foi o principal impulsor das tres festas da árbore que se celebraron nos anos 1915, 1916 e 1917 para involucrar aos nenos na repoboación do monte, fomentando así unha futura conciencia cívica baseada no amor e o respecto ás árbores. Nos escritos seus de aqueles anos dedicou longas palabras a resaltar a necesidade de coidar a natureza, tan pouco valorada polas xentes do país. Ademais, xunto co enxeñeiro Rafael Areses, elixiu moitas das especies arbóreas plantadas naquel momento.
Finalmente destacaremos que Pacífico Rodríguez foi o responsable da creación, no mes de xuño de 1917, do Museo de Pro-Monte, a onde foron a parar os achádegos arqueolóxicos do Trega. E non só foi o seu creador senón que, nos anos seguintes, converteuse na «vida e alma» do mesmo pois, con enorme paciencia, reconstruíu varias ánforas e vasillas, e ordenou gran cantidade de pequenos obxectos, «cada un no seu cartonciño».
-------------
Como en anos anteriores, o Grupo Filatélico e Numismático “Val do Rosal” organizou unha exposición filatélica coincidindo coa XVI Feira do Viño do Rosal. Nesta ocasión a tarxeta amosa un detalle dunha das columnas do altar maior da Igrexa Parroquial de Santa Mariña que recolle un anxiño e acios de uvas.
Inspirado neste detalle editouse o mataselos especial conmemorativo desta XV Exposición Filatélica.
Sobre oficial e carimbo conmemorativo da XV Exposición Filatélica.
Expositores de diferentes lugares como Portugal, Tui, Ourense, O Rosal e A Guarda completaron esta mostra filatélica e numismática coas súas interesantes coleccións, ofrecendo gran variedade de temas.
Á inauguración deste evento asistiron o Presidente da Deputación de Pontevedra, D. Rafael Louzán, o delegado do Medio Rural, D. Gonzalo Constenla, os alcaldes dos concellos do Baixo Miño así como outras autoridades.
A mostra permaneceu aberta ata o 20 de xullo e houbo unha gran afluencia de público que se interesou polas diferentes exposicións que se atopaban no salón, xa que ademais da mostra filatélica estiveron expostas as obras de diversos escultores e pintores.
Durante a Asemblea Xeral de FESOFI, celebrada o día 2 de marzo, o Presidente da Federación Canaria de Sociedades Filatélicas e Presidente do Grupo Filatélico e Numismático de Tenerife, Agustín Alberto de León, presentou aos asistentes a publicación que recentemente editou o seu Grupo co título HISTORIA DEL CORREO EN CANARIAS - I - ÉPOCA PREFILATÉLICA. da que é autor D. Juan Carlos Pérez Castells.
O presente libro ten unha concepción orixinal, segundo nos conta Rafael Ángel Raya Sánchez, Tesoureiro do Grupo de Tenerife, gran estudioso e especialista en Historia Postal. É un libro de Prefilatelia de Canarias ata 1849, como moi ben indica o seu titulo, no que paso a paso Juan Carlos Pérez vai descubrindo e describindo a historia postal de Canarias desde as súas orixes ata a chegada dos selos de correos ao Arquipélago Canario, pasando e apoiándose na historia propiamente dita das Illas Canarias, utilizando arquivos propios e externos, bibliografía, documentos, protocolos, mapas, gravados, etc., ata chegar ás propias cartas coas súas marcas, porteos, indicacións, encamiñamentos, coas cales chegou a
realizar o presente traballo, actualizando conceptos, descubrindo novas marcas, porteos, tarifas, etc. e aclarándonos e reforzando conceptos ata agora descoñecidos e indescifrables.
É o primeiro tomo da futura “Enciclopedia da Historia Postal de Canarias” da cal xa se encontra en preparación o segundo tomo dedicado a época isabelina. Ten unha extensión de 303 paxinas, cunhas dimensións de 35 x 21,50 centímetros, impresión totalmente a cor e encadernación de luxo con todo tipo de detalles, como unha edición destas características se merece.
Esta publicación será distribuída polo Grupo Filatélico e Numismático de Tenerife, co apoio económico de FESOFI, a todas as Sociedades federadas.
A Federación Española de Sociedades Filatélicas felicita, como así se recolle na Acta da Asemblea celebrada en Madrid o día 2 de marzo, ao Grupo de Tenerife pola iniciativa e en especial ao autor desta extraordinaria obra, D. Juan Carlos Pérez Castells, polo seu excelente traballo que non dubidamos será un referente para todo aquel que desexe coñecer ou afondar na Historia Postal Canaria
A nosa sociedade recibiu o mencionado tomo que está a disposición de calquera socio que desexe consultalo.
HISTORIA DA FEDERACIÓN GALEGA DE SOCIEDADES FILATÉLICAS
Coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, acabase de publicar a segunda parte da Historia da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI).
Na presente ocasión describinos, nas súas más de 350 páxinas e con todo luxo de detalles, as últimas modificacións dos Estatutos e o Regulamento de Réxime Interior e da Federación, así como o Convenio de Colaboración con UFINOR de Portugal, para finalizar cunha detallada descrición das exposicións de carácter territorial realizadas nestes últimos corenta anos e un amplo historial das súas Sociedades federadas.
Felicitamos desde este Boletín a Valentín Suárez, Presidente de FEGASOFI, e ao resto de compoñentes da súa Xunta Directiva, pola iniciativa do traballo, e a todos os que colaboraron na elaboración do mesmo, e en especial a José M. Barreiro coordinador de esta edición.
BIOGRAFÍAS:
PINTORES DEL RENACIMIENTO
Colaboración de Anastasio M. Fuentes Gómez
Consta esta emisión de Faros de seis selos dedicados ao faro de Torredembarra en Tarragona; ao de Irta en Castellón; ao de Pechiguera en Lanzarote; ao de Silleiro en Pontevedra; ao de Barbaria en Formentera; e ao de Punta Orchilla en El Hierro.
Os selos reproducen os edificios de cada un dos faros desta emisión.
A torre do faro de Torredembarra é a máis alta dos faros de Cataluña e está situado en Punta de la Galera. O autor do proxecto foi o arquitecto José Llinás Carmona e inaugurouse o día 31 de decembro de 1999. É unha torre octogonal de cor branca que conta cunha altura de 33,24 m ata o comezo da estrutura metálica que a coroa. Alí dispón dun miradoiro e da lanterna, ata os que se chega a través dos seus 217 chanzos. O alcance nominal da súa luz é superior a 17 millas.
O faro de Irta foi proxectado por Rita Lorite Becerra e está situado en Cala Mundana, dentro do termo de Alcalá de Chivert. O fuste da torre é cadrado e alcanza uns 25 m de altura. As súas obras rematáronse en decembro de 1990 e o seu alcance é de 12 millas.
O faro de Punta Pechiguera localízase no termo municipal de Yaiza e sinaliza o estreito de La Bocayna, entre Lanzarote e Fuerteventura. O edificio é de planta rectangular e foi construído xunto ao vello faro. O corpo da súa torre é cilíndrico e está realizado en cantería basáltica.
O faro de Cabo Silleiro foi inaugurado en 1866 e encóntrase dentro do termo municipal de Oia. O seu novo edificio de planta rectangular é de 1924. A súa altura é de máis de 85 m sobre o nivel do mar e o seu alcance de 33 millas.
O faro de Cap Barbaria é o máis meridional de Baleares. Está en funcionamento desde 1972 e é unha torre cilíndrica branca de 19 m de altura e ten un alcance de 18 millas. Por último, o faro de Punta de la Orchilla é de torre octogonal de cachotería e está a 132 m sobre o nivel do mar e a súa altura soporte é de 25 m. Entrou en servizo en 1933 e ten un alcance de 24 millas.
No pasado mes de xuño celebrouse en Budapest a Exposición Filatélica Mundial, EFIRO 2008, na cal participou coa súa colección José Ángel Gándara Rodríguez, acadando 85 puntos (medalla de vermeil grande), desde estas paxinas queremos felicitalo, e esperamos que siga por este camiño levando o nome da Guarda por todo o mundo